Boas!
Despois de tres meses de frío infernal, de un día para outro pasou de facer 5°C a pasar dos 20! A primavera vaise asentando e nunhas semanas estarán as cerdeiras en flor!
Aproveitando o bo tempo, a semana pasada fun a unha pequena vila da prefectura de Gifu chamada Mino. É coñecida pola súa estética tradicional e a artesanía, sobre todo de
washi (papel tradicional xaponés), de cerámica e de
sake.
Desde Kani (Gifu), onde vive o meu mozo, tardamos 40 minutos en coche. Despois de pasar en Nagoia de luns a venres, poder escapar á aldea é unha marabilla. A paisaxe de Gifu recórdame moito a Galicia, sobre todo polas zonas verdes e as montañas.
Ao chegar, xusto ao lado do aparcadoiro, atopámonos coa antiga estación de trens. A entrada é de balde. Hai catro trens antigos estacionados e podes entrar neles con total liberdade. Ademais, tamén hai planfletos e mapas da cidade, polo que non está de máis ir para informarse un pouco.
A cinco minutos a pé da estación está o casco vello da cidade onde abundan as casas tradicionais de madeira. Se non fora pola estrada de asfalto e algún coche aparcado por aí, sería completamente como viaxar ao pasado, non si?
Nestas rúas a maioría das casas son tendas ou galerías nas que fan demostracións de traballos artesanais como a elaboración de
washi (papel tradicional xaponés), lámpadas de papel,
origami... Ademais, tamén hai unha bódega de
sake . A entrada tamén é de balde e danche unha copiña a probar.
O cheiro que había semellábase moito ao dunha bodega de viño. Recordoume un pouco á viaxe a unha das bodegas de viño do Porto.
Ese día debeu de celebrarse algún evento porque atopámonos con moita xente vestida de
kimono e algún que outro
cosplay de ninja. Que mágoa non ter ido un pouco máis cedo, cando chegamos xa rematara.
Por certo, ese día (3 de marzo) foi o Hina Matsuri, o día das nenas.
Nas casas onde hai nenas é tradición decorar a sala de estar con bonecas tradicionais chamadas hina ningyou. En Mino había moitas tendas e casas nas que estaban expostas.
Que fermosas! Eu tamén quería! 。゚(゚´ω`゚)゚。 Pero sonche ben caras. Só unha parella delas custa máis de mil euros!
Xa de camiño de volta atopamos unha tenda de
takoyaki (boliñas de polbo) e paramos a comer. O interior estaba ateigado de mangas! É normal que haxa algún manga ou revistas para ler nos restaurantes, pero esta tenda estaba a outro nivel!
takoyaki
|
okonomiyaki |
tonpeiyaki
Como veredes púxenme as botas! Estaba todo boísimo! (๑´ڡ`๑)
E ata aquí a miña pequena aventura en Mino. Deica a próxima!