8 nov 2012

Conferencia sobre a tradución de manga

Ola!

Onte estiven a ver a conferencia que deu Marc Bernabé na Universidade de Santiago de Chile sobre a tradución de manga. Como tradutora en potencia que son, pareceume interesantísima e moi instructiva. Á parte de se centrar na tradución de manga, tamén fala dos problemas que podemos atopar en calquera tipo de tradución; xa sexa pola ambigüedade do xaponés (non hai xénero nin número) ou pola diferenza de caracteres que ocupa o texto orixinal (ás veces a metade ou menos) e o texto meta.

Sobre o manga trata temas como as onomatopeas (moitas delas inexistentes na nosa lingua), o sentido de lectura, a adaptación das palabras vs a literalidade, etc.
Para min o máis interesante foron os exemplos que deu de traducións de xogos de palabras. Se traducir estes xogos é un verdadeiro crebacabezas para os tradutores de calquera idioma, creo que no caso do xaponés complícase aínda máis polo seu sistema de escritura. O kana e os kanji dan pé a xogos coa súa lectura, quitar ou engadir trazos que cambian o significado, homófonos... centos de xogos que en galego ou español non terían sentido. Pero forma parte do traballo dun tradutor afrontalos e chegar a unha solución enxeñosa.

Déixovos o vídeo da charla. Espero que vos guste tanto como a min. 



Ata logo!(^O^)/

1 comentario:

  1. Dende logo, unha charla do máis interesante, sobre todo se sabes un pouco de xaponés, e podes entender mellor os problemas que xurden, que non deben ser poucos. Deberian de poñer esta charla tamén na EOI e na Uvigo :)

    ResponderEliminar